Poio renovará o convenio para garantir a vixilancia e control da avespa velutina

Poio
20 de febreiro 2024

A través deste acordo, os veciños afectados pola presenza de niños poden solicitar a súa retirada no número de teléfono 012

Niño de velutina retirado en Poio
Niño de velutina retirado en Poio / Concello de Poio

A Xunta de Goberno do Concello de Poio acordou este martes renovar o convenio coa Xunta e a Fegamp para garantir a vixilancia e control da avespa velutina. 

A través deste acordo, os veciños afectados pola presenza de niños poden solicitar a súa retirada no número de teléfono 012. 

O convenio ten unha duración anual e permite poñer ao dispor dos concellos un sistema de avisos que se canalizan polas chamadas recibidas e informa as entidades locais da xestión de todos os avisos de niños de avespa velutina recibidos por esta canle. 

Para garantir e xestionar estes avisos, inclúese a revisión, eliminación ou neutralización dos niños activos e realizar as actuacións que procedan nun tempo máximo de cinco días hábiles e sinalización da localización dos niños inactivos non retirados, para evitar así réplicas de avisos.