Poio repara o deteriorado firme da 3ª Travesía da Seara

Poio
31 de xaneiro 2025
Actualizado: 14:32

O Concello destaca que é unha obra "moi importante" para a veciñanza e casas deste lugar, que "levan anos soportando parches temporais que non ofrecen ningunha solución a longo prazo"

Marcial García, na 3ª Travesía da Seara
Marcial García, na 3ª Travesía da Seara / Concello de Poio

Os problemas que provoca o actual estado da 3ª Travesía da Seara están a piques de ser historia. Xa comezaron as obras impulsadas polo Concello de Poio para reparar o firme deste camiño municipal, que estaba moi deteriorado.

O goberno municipal entendía que este camiño precisaba dunha actuación que garantise a seguridade, puxese en valor a contorna e mellorase a recollida de pluviais.

Así, os traballos contemplan a demolición do asfalto actual e adaptar a rasante, renovando o firme con formigón semipulido-raiado e reservando unha franxa no centro para adoquinado.

Inclúese tamén a roza e limpeza da vexetación, a colocación de tres sumidoiros para mellorar a recollida de auga e unha nova sinalización horizontal e vertical para ordenar o tráfico.

O edil responsable de obras e servizos, Marcial García, destacou que está é unha actuación "moi importante" para a veciñanza e casas deste lugar, recoñecendo que "levan anos soportando parches temporais que non ofrecen ningunha solución a longo prazo".

"Son proxectos que aínda que non requiren investimentos moi elevados, si teñen unha repercusión importante para mellorar a calidade de vida dos residentes nestas zonas", explicou.

As obras na 3ª Travesía da Seara, adxudicadas á empresa COVSA, prolongaranse durante as próximas semanas.

Nos últimos meses o Concello de Poio executou melloras na mobilidade e nos servizos básicos de varios camiños municipais, entre outros, na Rúa Costa de Arriba, en Combarro, Liñares, Paradela, Banda do Río ou San Martiño de Rial.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora