Un 65% de ocupación hoteleira, dos puntos máis que o acadado o ano anterior. ÿ o dato que alcanzaron os establecementos de aloxamento do municipio de Poio na segunda quincena de xullo. A porcentaxe sube ata unha cifra que roldou o 90% na ponte do 25 de xullo. Grazas a estes quince días, o mes de xullo pechou cunha ocupación media do 54%, debido principalmente á mala climatoloxía das primeiras semanas.
Para o mes de agosto, como xa ven sendo habitual, os hoteleiros prefiren non facer previsións, xa que a tendencia de esperar ao último momento para facer as reservas e as condicións climatolóxicas poden facer variar visiblemente a ocupación dos establecementos.
Pola súa banda, respecto aos visitantes rexistrados nas oficinas de turismo municipais, nesta segunda quincena do mes de xullo acadouse a cifra de 1.444 persoas, das que un 88,50% corresponden a visitantes nacionais e un 11,50% a visitantes internacionais. Estes últimos creceron un 4% con respecto ao ano pasado, unha tendencia que se está a consolidar verán tras verán.
De entre os primeiros destacan os procedentes de Madrid (29,58%), Andalucía (15,96 %) e Castela e León (9,78%). En relación aos visitantes internacionais destacaron nesta segunda quincena, os turistas procedentes de Francia, Inglaterra, Uruguai e Rusia.
No mes de xullo nas oficinas municipais de turismo xa se levan rexistrados 2486 visitantes que preferentemente buscan información dos atractivos turísticos do Concello de Poio e das Rías Baixas en xeral.