'Poio en Ruta' entra en funcionamento en agosto con numerosos descontos

Poio
24 de xullo 2026

As persoas usuarias poderán empregar a Tarxeta da Mobilidade de Galicia, que reduce á metade o prezo do traxecto. Así mesmo, as maiores de 65 anos disporán de 60 viaxes gratuítas ao mes

Marquesiña de autobús no lugar de Pereiro en Poio
Marquesiña de autobús no lugar de Pereiro en Poio /

O Concello de Poio porá en marcha en agosto o novo servizo municipal de transporte 'Poio en Ruta', unha iniciativa que busca dar resposta a unha demanda do municipio, mellorando os desprazamentos internos e facilitando a conexión entre parroquias, especialmente nas zonas que até agora carecían de transporte público.

O servizo arrincará con dúas liñas que funcionarán de luns a venres en días laborables.

O alcalde, Ángel Moldes, destacou que a posta en marcha deste servizo "supón un antes e un despois na mobilidade" de Poio, ao conectar por primeira vez áreas do interior que non dispuñan de transporte público e facilitar a comunicación entre os distintos núcleos.

Ademais, avanzou que o sistema comezará cun período de proba para avaliar o seu funcionamento e introducir axustes en función das necesidades das persoas usuarias.

A primeira liña partirá da Barca e percorrerá Ferreirós, Beiro, Anafáns, Lourido, Campelo, O Casal, Os Canos, Vilariño, O Sartal, Arís, A Ucha, San Martiño, Fontenla e o Mosteiro de Poio.

Durante xullo e agosto sairá ás 9:20 horas e regresará ás 12:00, mentres que entre setembro e xuño farao ás 9:40, con volta ás 12:40.

A segunda liña terá a súa orixe no Alto de Dorrón e dará servizo a O Pumar, A Publicada, Canturiño, igrexa de Samieira, Camiño Real de Chancelas, Travesía de Cidrás, Xuviño, O Esperón, O Pereiro, Casalvito, Combarro, A Pinela, A Santiña e o Mosteiro de Poio.

No verán partirá ás 10:10 e regresará ás 12:50, mentres que o resto do ano adiantará a súa saída ás 9:40, con regreso ás 12:40.

As persoas usuarias poderán empregar a Tarxeta da Mobilidade de Galicia (TMG), dispoñible na oficina de Abanca de Combarro e recargable na súa rede de caixeiros. Este cartón permitirá reducir o prezo do billete de 1,60 a 0,85 euros por traxecto.

Ademais, as persoas maiores de 65 anos disporán de até 60 viaxes gratuítas ao mes e os menores de 21 poderán beneficiarse das bonificacións da Tarxeta Xente Nova.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora