Poio Sesións, asesoramento e formación para apoiar a creación musical emerxente

Poio
25 de setembro 2024

A concelleira de Cultura, Natalia Sabarís, explica que supón "unha oportunidade para apoiar e dar visibilidade ao talento local mozo" e, ao mesmo tempo, "reivindicar o uso da nosa lingua e ofrecer propostas de ocio alternativo para a mocidade"

Natalia Sabarís, concelleira de Cultura de Poio
Natalia Sabarís, concelleira de Cultura de Poio / Concello de Poio

O Concello de Poio pon en marcha unha nova iniciativa para apoiar a creación musical emerxente no municipio.

Trátase de Poio Sesións, unha iniciativa que vai permitir acelerar proxectos e amplificar xéneros en galego entre bandas de persoas mozas ou solistas non profesionais.

A concelleira de Cultura, Natalia Sabarís, explica que supón "unha oportunidade para apoiar e dar visibilidade ao talento local mozo" e, ao mesmo tempo, "reivindicar o uso da nosa lingua e ofrecer propostas de ocio alternativo para a mocidade"

"Este proxecto nace para apoialos, para darlles visibilidade, pero tamén para acompañalos, da man de profesionais, en todo este proceso, cos recursos técnicos, persoais e materiais que precisen durante o seu desenvolvemento", explica a concelleira.

A primeira edición de Poio Sesións desenvolverase no último trimestre do ano despois da súa aprobación na Xunta de Goberno.

Nas próximas semanas daranse a coñecer as bandas locais seleccionadas en colaboración coas entidades culturais do municipio.

En cada edición, os participantes recibirán asesoramento e formación profesional para facilitar a creación musical en galego.

Ademais, organizarán ensaios en espazos municipais e a edición e gravación de cancións inéditas en formato MP3 e dun vídeo promocional.

Tamén se incorporará un evento final coas actuacións en directo para dar a coñecer o traballo realizado.