Poio solicita á Xunta e ao Goberno central que habiliten liñas de axuda para as confrarías

Poio
30 de marzo 2020

A situación do sector do marisqueo, un dos principais motores económicos de numerosas familias de Poio, é motivo de preocupación para o Concello. Esta foi unha das cuestións das que se falou na xunta de voceiros celebrada na mañá deste luns

Xunta de portavoces do Concello de Poio
Xunta de portavoces do Concello de Poio

A situación do sector do marisqueo, un dos principais motores económicos de numerosas familias de Poio, é motivo de preocupación para o Concello. Esta foi unha das cuestións das que se falou na xunta de voceiros celebrada na mañá deste luns.

Nesta xuntanza o Bloque Nacionalista Galego (BNG), PSdeG-PSOE, Avante e o Partido Popular acordaron, de xeito unánime, remitir tanto á Xunta de Galicia como ao Goberno de España un escrito no que solicitan que se impulsen diferentes medidas para axudar aos profesionais do marisqueo a pé e a flote e a paralización temporal desta actividade.

A Corporación municipal é consciente de que este sector é un dos máis golpeados pola situación actual, xa que o nivel de vendas descendeu notablemente desde que se decretara o estado de alarma.

Por outra banda, o Concello continúa perfilando a suspensión do pago en periodo de voluntaria de varias taxas durante o actual estado de alarma, unha medida que se aplicará a impostos como o do IVTM de vehículos, a recollida de lixo, o abastecemento ou o saneamento.

A maiores, o Goberno local tamén impulsará unha liña de axudas para as familias máis necesitadas, a través dun fondo de Emerxencia Social por valor de 12.000 euros, e procederá a devolución da parte proporcional das taxas correspondentes á ocupación de espazos públicos (que afectan fundamentalmente ao mercadillo de Baltar e ás terrazas de negocios hostaleiros), equivalente ao período no que non poden realizar esta actividade. O mesmo sucederá co aluguer de equipamentos municipais e taxas correspondentes a inscricións en diferentes actividades lúdicas, culturais e deportivas.

PETICIÓN DO PP

Ao voceiro do PP, Ángel Moldes non lle vale que se suspenda o pago destes impostos e pediu ao goberno local que se supriman as taxas aos fogares e negocios máis golpeados pola crise sanitaria.

Moldes pediu rigor ao goberno sobre o funcionamento dos órganos municipais e sobre o que se comunica aos veciños, e lamentou que nas últimas datas o Concello presentase como medidas xa tomadas o que realmente eran propostas de concelleiros do BNG, PSOE ou Avante Poio que precisan dun acordo de todos os grupos.