O Pleno do Concello de Poio aprobou este martes unha moción impulsada polo PSdeG-PSOE e Avante Poio, a través da cal se insta á Xunta de Galicia a que, a través do Instituto Galego de Vivenda e Solo, formalice a transferencia e as competencias do ámbito do polígono de Fragamoreira ao Concello.
Deste xeito, a Administración local poderá facer as xestións pertinentes co Estado para impulsar o desenvolvemento do parque empresarial, segundo sinalou o voceiro socialista Gregorio Agís que lembrou que o Concello conta co compromiso de Zona Franca para desenvolver Fragamoreira.
"Somos quen de conseguir que os obstáculos e as trabas que pon o Partido Popular non supoñan un impedimento para buscar solucións e impulsar proxectos históricos", dixo o voceiro socialista.
O candidato á Alcaldía de Poio polo PSdeG-PSOE acusou ao seu rival, o candidato do PP, Ángel Moldes de "enganar" a moitos veciños para que non vendesen os terreos e así "conseguiu o seu obxectivo: paralizar un proxecto de forma indefinida porque iso, aínda que non é bo para Poio, si o é para os seus intereses políticos. Sobre a súa conciencia recaerá o feito de que unha empresa como Froiz tivese que instalarse noutro concello, debido á ausencia de chan empresarial en Poio", criticou.
Pola súa banda, o Partido Popular solicitou a través dunha emenda que "se existe algunha administración con interese real no polígono de Fragamoreira presente a súa proposta formalmente ante a Xunta de Galicia", co fin de "evitar así que estes anuncios queden en meras proclamas electoralistas".
A concelleira do PP de Poio, Rocío Cochón, criticou durante a súa intervención ao candidato socialista, Gregorio Agís, "se esta proposta é tan boa, por que non se presentou antes?" e afirmou que o delegado do Estado no Consorcio Zona Franca tamén é o secretario xeral do PSOE nesta provincia, "e a mesma promesa e foto que fixo en Poio tamén a realizaron na Cañiza, Marín, Caldas, Cuntis, Vilagarcía... sempre acompañados de candidatos socialistas" e que en Poio "nin sequera convidaron ao alcalde, Luciano Sobral, ao anuncio".
Por último, Rocío Cochón afirmou que os populares abrazan calquera iniciativa que permita desenvolver o polígono de Fragamoreira, pero din que non van ser "cómplices de promesas electorais que enganen aos veciños".
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.