Poio súmase ás reivindicacións pola mellora da saúde mental infanto-xuvenil

Poio
24 de marzo 2023

A Mesa en Defensa dos Dereitos Sanitarios de Poio acordou presentar no vindeiro Pleno da Corporación unha moción para reivindicar a necesidade de que se tomen medidas en favor da saúde mental, recoñecendo a necesidade de traballar desde as institucións na mellora do sistema de coidados neste eido, especialmente na infancia e na adolescencia

Mesa en Defensa dos Dereitos Sanitarios de Poio
Mesa en Defensa dos Dereitos Sanitarios de Poio / Concello de Poio

A Mesa en Defensa dos Dereitos Sanitarios de Poio decidiu sumarse á declaración da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) en apoio ao acordo pola mellora da saúde mental infanto-xuvenil de Galicia.

Así se decidiu nunha reunión celebrada este xoves, na que se acordou presentar no vindeiro Pleno da Corporación unha moción para reivindicar a necesidade de que se tomen medidas en favor da saúde mental, recoñecendo a necesidade de traballar desde as institucións na mellora do sistema de coidados neste eido, especialmente na infancia e na adolescencia. 

A premisa da que parte a Mesa en Defensa dos Dereitos Sanitarios é a necesidade de que se aborden problemas estruturais como o déficit de profesionais, a falta de programas preventivos, a distribución desigual dos servizos no territorio ou as dificultades de coordinación das unidades especializadas cos servizos locais de proximidade. Falan, así, dos centros de atención primaria, centros educativos e puntos de atención social dos concellos.

A presidenta da Mesa, Marga Caldas, trasladou aos colectivos que integran este órgano do resultado da xuntanza mantida hai unhas semanas co conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, para falar da construción do futuro centro de saúde.

Marga Caldas tamén informou sobre os trámites relacionados con este proxecto chave para o futuro do municipio e lembrou que a Administración local xa adquiriu os terreos.

A Mesa en Defensa dos Dereitos Sanitarios de Poio tamén acordou apoiar ás familias do municipio con persoas afectadas por parálise cerebral. Os grupos políticos e os representantes do tecido asociativo da Mesa coinciden na necesidade de que a Consellería de Sanidade facilite axudas para a obtención de cadeiras mecánicas para persoas que padecen este tipo de doenzas, a fin de que tanto eles como os seus achegados e achegadas poidan evitar "un maior desgaste físico e psicolóxico, mellorando a súa calidade de vida".