Poio ultima os trámites do reparto de axudas directas pola crise da covid-19

Poio
28 de maio 2021

O Concello de Poio vén de completar un dos últimos requisitos necesarios para poder aprobar as bases que permitirán a dotación de axudas económicas directas a empresas, autónomos e negocios afectados pola crise derivada da covid-19

Vistas de Raxó
Vistas de Raxó

O Concello de Poio vén de completar un dos últimos requisitos necesarios para poder aprobar as bases que permitirán a dotación de axudas económicas directas a empresas, autónomos e negocios que viron reducida, de xeito drástico, a súa actividade profesional por motivo da crise derivada da covid-19.

O goberno local abriu unha liña de 150.000 euros (100.000 correspondentes a fondos propios e 50.000 dunha achega da Deputación de Pontevedra) para impulsar esta iniciativa e que está contemplada no Plan Activa 2021, dentro da folla de ruta a seguir para reactivar a economía local.

O pleno da corporación aprobou por unanimidade, na sesión ordinaria do mes de maio, a modificación da ordenanza xeral reguladora das subvencións do Concello de Poio. En concreto modifícase o artigo 22, que ata o de agora non permitía a dotación de axudas a entidades que tivesen débedas con administracións públicas. 

Nas bases impulsadas pola administración local para o reparto destas axudas directas contémplase a posibilidade de outorgar estas axudas a negocios que se atopen nesta situación, sempre e cando resolvan estas débedas nun prazo máximo de 30 días. 

Esta medida segue as recomendacións marcadas polo departamento de Intervención, a fin de evitar contradicións entre as novas bases e a ordenanza municipal.

Precisamente, o equipo de goberno mantivo unha nova reunión de traballo para analizar as bases, nas que se engadirán algunhas das propostas achegadas polos profesionais e representantes de agrupacións coma Hoempo, EnPoio ou a Asociación de Hostaleiros e Aloxamentos Turísticos de Poio.

A intención dos dirixentes municipais é manter un novo encontro telemático co sector a principios da vindeira semana para presentarlles o documento definitivo, antes da súa aprobación en xunta de goberno.