Os socios do Liceo Casino de Pontevedra atópanse divididos ante a proposta plantexada pola directiva da entidade de solicitar un crédito hipotecario para acometer unha serie de obras de remodelación na sede social da rúa Manuel Quiroga e para montar unhas pistas de pádel no parque da Caeira.
A reforma do emblemático inmoble do centro histórico inclúe o cambio dos ascensores, a finalización da climatización, a fontanería, os baños e varios aspectos máis. En total estas obras teñen un custo estimado de 459.000 euros.
A polémica tamén alcanza á intención da directiva de instalar de maneira provisional catro pistas de pádel na cancha multiusos do pavillón de deportes, o que supón un gasto de 100.000 euros e a perda deste recinto deportivo para outros usos.
A directiva do Liceo Casino tamén quere que os socios autoricen a unificación e reestruturación dos préstamos bancarios actuais, que suman un importe de 315.000 euros.
Ademais preténdese fixar a cota de socio de número en 40 euros.
Todos estes aspectos abordaranse nunha xunta xeral ordinaria convocada para este venres día 15 ás 20.00 horas (en segunda convocatoria) aínda que o debate non se fixo esperar e durante os últimos días foron numerosas as voces que expresaron o seu rexeitamento a estas propostas que suscitan gran controversia.