Un axente da Policía Nacional de Pontevedra que en xaneiro de 2020 sufriu unha agresión mentres estaba a traballar recibirá agora unha indemnización de 19.282,2 euros.
Pagaralla, case cinco anos despois, a Dirección Xeral da Policía.
A agresión chegou a xuízo no Xulgado do Penal número 2 de Pontevedra e o agresor foi condenado en novembro de 2022 por un delito de atentado a unha pena de prisión dun ano e por un delito leve de lesións a unha multa de 45 días cunha cota diaria de 6 euros.
A sentenza tamén lle impón a obriga de indemnizar o axente agredido coa cantidade de 19.282,2 euros.
Con todo, nunca pagou e a semana pasada o xulgado ratificou a súa insolvencia, polo que a Dirección Xeral da Policía terá que subsidiariamente facerse cargo deste pago.
O sindicato CEP deu a coñecer esta noticia este luns indicando que o axente en cuestión foi "brutalmente agredido" nunha intervención policial na cidade de Pontevedra e sufriu "lesións de consideración" que precisaron case un ano para a súa curación e deixándolle "secuelas para o resto da súa vida".
Desde a Confederación Española de Policía remarcan que feitos como este causan unha "indefensión inmensa aos axentes", pois pasaron xa case seis anos e "segue sen ser resarcido".
Aseguran que non é un feito illado, pois en 2024 case 17.000 policías nacionais e gardas civís foron agredidos, e que CEP decidiu presentarse en todas as causas xudiciais onde un representado seu estea como prexudicado. En Galicia reforzaron a súa área xurídica, multiplicando por catro os seus avogados. En Pontevedra, encárganse a letradas María Jesús Martínez Borjas e María Elena Ferreiro Rodríguez.
Carlos Rodríguez Losada, secretario provincial do sindicato en Pontevedra, indica que desde a CEP o teñen moi claro, "un axente non vai pór a outra meixela" e "se o delincuente non paga farao a Administración, pero os policías deben ser resarcidos".
"Somos unha profesión de risco a pesar de que Interior non o queira recoñecer, e imos pór todo o noso empeño en que quen toque un policía sexa debidamente condenado", insiste Carlos Rodríguez.