A Policía Local de Marín inicia unha campaña informativa sobre o uso de patinetes eléctricos

Marín
04 de febreiro 2026

Desde agora, os patinetes eléctricos deben contar obrigatoriamente cun seguro de responsabilidade civil e estar inscritos no Rexistro Nacional de Vehículos de Mobilidade Persoal da DXT

Unha persoa nun patinete eléctrico
Unha persoa nun patinete eléctrico / Mónica Patxot

A Policía Local de Marín porá en marcha ao longo deste mes unha campaña informativa dirixida ás persoas usuarias de vehículos de mobilidade persoal (VMP), como os patinetes eléctricos, co obxectivo de lembrar a normativa vixente e promover unha convivencia segura no espazo público.

Desde agora, os patinetes eléctricos deben contar obrigatoriamente cun seguro de responsabilidade civil e estar inscritos no Rexistro Nacional de Vehículos de Mobilidade Persoal da Dirección Xeral de Tráfico (DXT) para poder circular legalmente.

Este rexistro, recentemente activado a nivel estatal, enmárcase nun real decreto aprobado polo Consello de Ministros que adapta a normativa de circulación e seguros á nova realidade da mobilidade urbana.

A Policía Local lembra, ademais, que estes vehículos non poden circular por beirarrúas nin zonas peonís, que está prohibido o uso de auricular durante a condución e que só pode desprazarse unha persoa por patinete. Así mesmo, os usuarios deben respectar as normas de tráfico e ao resto de persoas que utilizan a vía pública.

Durante as primeiras semanas, a campaña terá un carácter exclusivamente informativo e pedagóxico. No entanto, unha vez finalizado este período inicial, comezarán a imporse sancións a quen incumpran a normativa.

O Rexistro Nacional de VMP é obrigatorio para todos os vehículos eléctricos deseñados para unha soa persoa e cunha velocidade máxima de entre 6 e 25 quilómetros por hora, incluíndo patinetes eléctricos e scooters lixeiros.

A normativa distingue entre vehículos certificados, que cumpren os requisitos técnicos da DXT, e vehículos non certificados, cuxa venda está prohibida desde 2024. Estes últimos poderán circular de forma provisional até o 22 de xaneiro de 2027, sempre que estean debidamente rexistrados e asegurados.

A inscrición realízase principalmente a través da sede electrónica da DXT e require achegar os datos do titular e do vehículo. Circular sen seguro pode levar multas de entre 200 e 610 euros, mentres que facelo sen estar rexistrado pode supor sancións de até 800 euros.

Desde o Concello de Marín faise un chamamento ao respecto mutuo entre todos os usuarios da vía pública e á importancia dunha convivencia segura e responsable que garanta a seguridade e o benestar de toda a veciñanza.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora