A Policía Local de Pontevedra estrea dous novos coches híbridos

Pontevedra
29 de decembro 2025
Actualizado: 15:41

A concelleira de Seguridade Cidadá, Eva Vilaverde, presentou este luns os novos vehículos, que supoñen un investimento global de máis de 103.000 euros

Presentación de dous novos coches para a Policía Local de Pontevedra Concello de Pontevedra

Dous novos coches patrulla pasan a formar parte da flota da Policía Local de Pontevedra.

A concelleira de Seguridade Cidadá, Eva Vilaverde, presentou este luns os novos vehículos nun paso cara á modernización e renovación do parque móbil municipal.

Ambos os dous coches substitúen a outras unidades que por quilometraxe e antigüidade quedaran obsoletos.

"Chegaron os reis anticipados", afirmou na presentación Vilaverde.

Trátase de dous vehículos do mesmo modelo que o adquirido na anterior licitación, que tamén gañou a mesma casa comercial, o que garante a continuidade dun sistema que ofreceu segundo a edil "un resultado magnífico".

Presentación de dous novos coches para a Policía Local de PontevedraConcello de Pontevedra

O investimento total para esta operación ascende a 103.834,51 euros.

Un dos vehículos, equipado con kit para o traslado de detidos, tivo un custo de 53.732,26 euros, mentres que o prezo da unidade sen este equipamento foi de 50.102,25 euros.

A Policía Local aposta nesta ocasión por tecnoloxía de motorización híbrida (eléctrico enchufable e gasolina) ao considerarse "a máis eficiente" para o servizo policial especialmente no centro urbano.

O parque móbil da Policía Local de Pontevedra conta na actualidade con 20 coches e 20 motocicletas.

Os novos vehículos entrarán en servizo nos próximos días unha vez finalicen os trámites pertinentes co seguro.