A metade dos condutores sometidos ao drogotest na última campaña da Policía Local deu positivo

Pontevedra
25 de decembro 2025
Actualizado: 13:19

Entre os días 15 e 21 de decembro controlaron 240 vehículos por consumo de alcol e drogas e formularon 18 denuncias a condutores por algún tipo de positivo. O 95% das alcolemias foron negativas

Drogotest
Drogotest / Mónica Patxot

A metade dos condutores aos que a Policía Local de Pontevedra realizou drogotest na última campaña de vixilancia e control de alcol e drogas deron resultado positivo. 

É unha das principais conclusións da campaña, realizada entre os días 15 e 21 de decembro en distintos puntos da contorna urbana da cidade.

Durante a campaña, realizada en colaboración e coordinación coa Dirección Xeral de Tráfico, controlaron un total de 240 vehículos e formuláronse 18 denuncias aos condutores que deron algún tipo de positivo.

No caso das drogas, realizaron 14 probas a condutores distintos e tramitaron un total de sete denuncias.

Entre os sete condutores denunciados, seis deron positivo en consumo de cocaína.

No caso dos test de alcol, realizáronse 240 e houbo 11 positivos, o que significa que o 95 % dos condutores ofreceu un resultado negativo.

Dous dos once positivos deron unha taxa superior a 0,60 miligramos de alcol por litro de aire expirado, un resultado que implica que o condutor é denunciado pola vía penal. 

O Concello de Pontevedra lembra, a través dun comunicado, a importancia deste tipo de controis e a tolerancia cero á hora de coller un vehículo baixo os efectos do alcol e as drogas, apelando á responsabilidade de toda a sociedade.