Empeza a semana previa ao Nadal na que se multiplican as ceas de empresa, comidas con amigos, brindes que se alargan e sobremesas que se confunden coa noite. Un calendario social intenso que, ano tras ano, trae consigo un invitado indeseado: os excesos. E a Garda Civil sábeo.
Por iso, a Dirección Xeral de Tráfico (DXT) puxo o foco nas estradas galegas xusto cando arrinca este maratón festivo.
Desde este luns, 15 de decembro, e até o vindeiro domingo día 21, está en marcha unha campaña especial de control e vixilancia do consumo de alcol e drogas ao volante en toda a comunidade.
Segundo informou a Delegación do Goberno en Galicia, a operación terá unha "especial incidencia" nas zonas máis vinculadas ao lecer e ao turismo do Nadal, moitas delas en contornas urbanas.
O obxectivo é reforzar a presenza policial e sumar aos concellos e ás policías locais nun esforzo conxunto para previr accidentes.
A campaña non é casual posto que o consumo de alcol e drogas ao volante foi en 2024 o segundo factor concorrente máis habitual nos sinistros de tráfico.
Un dato que preocupa moito aos responsables de Tráfico. Para entender a magnitude do problema basta con mirar atrás e comprobar como na mesma campaña do ano pasado, desenvolvida entre o 16 e o 22 de decembro, realizáronse 35.688 controis a condutores e impuxéronse 824 sancións. Delas, 476 foron por dar positivo en alcol e 348 por consumo de drogas.
As cifras xerais reforzan a mensaxe de alerta. O alcol estivo presente no 12% dos sinistros rexistrados en 2024 en toda España e foi factor concorrente no 28% dos accidentes de tráfico con vítimas mortais, o que se traduce en 273 casos.
Ademais, o 29% dos condutores falecidos aos que se lles practicou a proba de alcoholemia (o 79% do total) deu positivo, un punto porcentual máis que en 2023.
Co Nadal ao virar a esquina, a DXT insiste en que celebrar si, pero nunca ao volante, un recordatorio tan oportuno como contundente.
Porque un brinde de máis pode saír moi caro.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.