A Secretaría de Estado de Seguridade e o Concello de Pontevedra renovaron o convenio para a continuidade do corpo de Policía Local no sistema de seguimento integral dos casos de violencia de xénero, o coñecido como sistema VioGén.
Ambas as partes aseguran ser "conscientes" da gravidade e persistencia das infraccións penais cometidas no ámbito familiar e máis concretamente, en violencia de xénero, polo que apostan por profundar nas medidas de protección ás vítimas.
Farano a través dunha "axeitada coordinación" das actuacións policiais, co fin de previr e evitar riscos de novas agresións.
Neste contexto, subliña o convenio, resulta "fundamental" dispor dun rexistro coa información que permita realizar un seguimento individualizado das circunstancias destas vítimas e da evolución do risco en que se atopen.
En virtude deste acordo, que se publicou este luns no Boletín Oficial do Estado (BOE), a Secretaría de Estado de Seguridade comprométese a promover as formacións que recibirá a Policía Local de Pontevedra no uso e funcionalidades do sistema VioGén.
Ademais, establecerá os controis de seguridade oportunos nos accesos ao sistema e contará cun procedemento de auditoría para garantir o correcto uso e acceso á información aloxada neste por parte dos axentes habilitados na Policía Local.
O goberno municipal, pola súa banda, activará todos os protocolos e procedementos que establece a lei, implantando na Policía Local o procedemento de valoración e xestión policial do risco de violencia de xénero a través do sistema VioGén.
Deberá tamén formar e especializar a todos os membros da Policía Local que interveñen, desde os seus ámbitos de actuación, nas situacións de violencia de xénero e velar porque se faga un bo uso da información contida no sistema.
Este novo convenio ten unha vixencia de catro anos, prorrogables por catro máis.