Polo Día da Nai, Marín lanza un novo sorteo de tarxetas agasallo por mercar no comercio local

Marín
27 de marzo 2024
Actualizado: 30 de setembro

A campaña desenvolverase entre o 1 e o 30 de abril. Pódese participar a partir de 30 euros de compra, depositando os tickets no buzón que se colocará na Oficina de Turismo

Dúas persoas nunha tenda de roupa deportiva
Dúas persoas nunha tenda de roupa deportiva / Xunta de Galicia

O Concello de Marín volverá apoiar á economía local, con motivo da campaña do Día da Nai. 

Segundo explica a concelleira de Comercio, Cristina Acuña, en datas como esta de gran consumo "queremos volver premiar á veciñanza que é fiel á economía local da nosa vila, facendo as súas compras e consumicións aquí, e animar a outros a que o fagan".

Deste xeito, o Concello pon de novo en marcha a campaña de sorteo de 100 tarxetas regalo por valor de 50 euros, aproveitando este mes no que as compras para facer un agasallo ás nais son superiores a outros momentos.

Para participar, será preciso realizar compras nos comercios de Marín ou consumir nos establecementos hostaleiros por valor superior a 30 euros, ben cun só ticket ou cunha agrupación de varios, entre o 1 e o 30 de abril. Estarán excluídas as farmacias, gasolineiras e os supermercados.

Os tickets terán que depositarse na caixa de correos que se habilitará na Oficina de Turismo da Praza de España cos seguintes datos no reverso: nome e apelidos da persoa participante, DNI e número de teléfono. Os tickets terán que ser orixinais, "polo que xa avisamos de que se alguén o precisa para devolucións ou garantías, terá que pedir un duplicado", explican desde o Concello.

O 3 de maio ás 12.00 horas terá lugar o sorteo no Salón de Plenos para coñecer aos gañadores destas 100 tarxetas. As persoas agraciadas serán citadas telefonicamente para a recollida das tarxetas regalo na Oficina de Turismo situada na Praza de España durante os días 6 e 7 de maio, en horario de 11:30 a 20:30 horas, confirmando os datos coa presentación do DNI da persoa gañadora. Terán que gastalas tamén na economía local de Marín ata como máximo o 30 de xuño de 2024.