Poñen en marcha novos "Roteiros Saudables" en Pontevedra para combater o sedentarismo

Pontevedra
07 de febreiro 2023

A Asociación Española Contra o Cancro en Pontevedra pon en marcha o próximo 23 de febreiro a IV edición do seu programa "Roteiros Saudables", aberta toda a poboación, gratuíta, con prazas limitadas e co obxectivo de evitar o sedentarismo e promover hábitos de vida saudables

A Asociación contra o cancro pon en marcha os seus "Roteiros saudables"
A Asociación contra o cancro pon en marcha os seus "Roteiros saudables" / AECC Pontevedra

A Asociación Española Contra o Cancro, coa colaboración do Concello de Pontevedra, pon en marcha de novo os seus "Roteiros Saudables", unha iniciativa dirixida ás persoas sedentarias pero aberta a toda a poboación co obxectivo de acabar co sedentarismo fomentar hábitos de vida sans.

Esta cuarta edición comezará o próximo 23 de febreiro e desenvolverase durante un total de 12 semanas, con distintos itinerarios pola cidade que se irán alternando, incluíndo as Xunqueiras de Alba, o Río Gafos, a Avenida de Marín, Illa dás Esculturas e o Miradoiro de Monteporreiro.

A técnica de Prevención da Asociación Española Contra o Cancro e coordinadora da iniciativa, Rebeca Castro, explicou que, co obxectivo de garantir a participación e a adherencia á actividade "farase entrega a cada participante, ao comezo, un pasaporte para ir selando cada roteiro ao que asistan".

Haberá dous grupos: os xoves, ás 10.30 e ás 17.00 horas. A duración prevista para esta actividade semanal é de hora e media aproximadamente, e será guiada sempre por unha persoa voluntaria. 

Virginia Álvarez, unha das dinamizadoras dos roteiros, recoñece que "ao principio pode dar preguiza o propoñerse saír a camiñar, sobre todo se se é unha persoa sedentaria. Pero co paso dos días o teu corpo xa cho pide e se non vas algún día, bótao en falta". 

"Algúns usuarios sorpréndense de que esta actividade forme parte da Asociación e acáballes gustando tanto que se converten en voluntarios, non só de Roteiros Saudables, senón tamén doutros tipos de voluntariado da Asociación", engade.

Esta actividade é unha iniciativa gratuíta, con prazas limitadas e aberta a todas aquelas persoas que queiran iniciarse nesta actividade beneficiosa para a saúde.

As persoas interesadas deberán inscribirse previamente, ata completarse as prazas, no teléfono gratuíto e 24 horas, 900 100 036 ou de maneira presencial na sede da Asociación en Pontevedra na rúa Eduardo Pondal, 64A, baixo.