Poñen en marcha o proceso de adxudicación para tres vivendas protexidas na rúa das Longas e en Viascón

Cerdedo Cotobade
11 de setembro 2022

A comisión provincial de vivenda de Pontevedra da Xunta de Galicia acaba de iniciar o procedemento para seleccionar aos futuros adxudicatarios de tres vivendas de promoción pública. As tres están destinadas a unidades familiares ou de convivencia de entre 1 e 4 membros

Vista de Cerdedo Cotobade
Vista de Cerdedo Cotobade

A comisión provincial de vivenda de Pontevedra da Xunta de Galicia acaba de iniciar o procedemento para seleccionar aos futuros adxudicatarios de tres vivendas de promoción pública (VPP) localizadas no concello pontevedrés de Cerdedo-Cotobade.

Trátase dun inmoble de 2 dormitorios localizado na rúa das Longas e outros 2 no lugar de Cabanelas-Viascón, os tres destinados a unidades familiares ou de convivencia de entre 1 e 4 membros.

Segundo a información facilitada pola Xunta de Galicia, son inmobles propiedade do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) que quedaron libres recentemente e, por tanto, volven estar á súa disposición.

Para optar a estas vivendas, os beneficiarios terán que cumprir unha serie de requisitos: estar inscritos no Rexistro de demandantes de vivenda; cumprir cos límites de ingresos por unidade familiar; residir ou traballar no municipio no que están localizadas as VPP —agás no caso de emigrantes que desexen retornar—; e carecer de vivenda en propiedade.

Para a adxudicación, elaborarase unha listaxe con todas as persoas anotadas no Rexistro como demandantes de vivenda protexida en Cerdedo-Cotobade e a partir dela, farase un sorteo ante notario o próximo 6 de outubro. Deste procedemento sairá unha relación con 15 candidatos provisionais, seguindo a orde de selección que se derive do mesmo.

Ambas listaxes —a provisional e a definitiva— publicaranse nos taboleiros de anuncios do Concello de Cerdedo-Cotobade, no da área provincial pontevedresa do IGVS e na páxina web deste organismo.