Poñer en valor o monte veciñal, obxectivo das comunidades do Sangal e Alto do Seixo

Cerdedo Cotobade
09 de novembro 2022

 O alcalde Jorge Cubela ofreceuse durante unha xuntanza con representantes destes colectivos a canalizar proxectos e actuacións que poidan beneficiar a veciñanza a través das medidas que promove a Consellería de Medio Rural para recuperar espazos abandonados ou vítimas do lume

Jorge Cubela, alcalde de Cerdedo-Cotobade, cos representantes das comunidades de montes do Sangal e Alto do Seixo
Jorge Cubela, alcalde de Cerdedo-Cotobade, cos representantes das comunidades de montes do Sangal e Alto do Seixo / Concello de Cerdedo-Cotobade

As directivas das comunidades de montes do Sangal, que preside José Antonio Monteagudo; e de Alto do Seixo, liderada por José Luis Jorge, mantiñan un encontro con Jorge Cubela, alcalde do Concello de Cerdedo-Cotobade, e coa tenente de alcalde lourdes ovelleiro para analizar a liña de iniciativas que promove a Consellería do Medio Rural.

A intención destes colectivos é dar valor ao monte veciñal e, neste sentido, a Xunta propón liñas de axudas e proxectos para recuperar terras que se atopan abandonadas ou que sufriron incendios forestais. A través de Aldeas Modelo ou dos Polígonos Agroforestais ou Gandeiros, a administración autonómica busca que os montes se recuperen para actividades.

Cubela informou aos representantes das comunidades de montes de que xa se están rexistrando experiencias postivias en Mouteira-Parada de Cerdedo coas Aldeas Modelo; ou coa creación do polígono agrario de Tomonde e Vilalén; ademais de pasteiros en Valongo e Deán. 

O alcalde tamén lles sinalou que se desenvolve o primeiro Pacto pola Paisaxe en Galicia que permitirá a creación do roteiro de sendeirismo Cabenca-Cavadosa con posta en valor do patrimonio natural e etnográfico da zona.

Tras esta reunión, o Concello e as dúas entidades decidiron establecer vías de colaboración coa intención de mellorar ese aproveitamento do monte comunal para obter beneficios para a poboación.