Ponte Caldelas activará un portal de venda online para os negocios da vila

Pontevedra
28 de xullo 2020

O Concello e a asociación de comerciantes do municipio están a traballar na posta en marcha dunha páxina web na que todos os negocios de Ponte Caldelas poidan ofertar os seus produtos e que a clientela poida mercala sen necesidade de saír da casa

Xuntanza do alcalde de Ponte Caldelas con comerciantes da vila
Xuntanza do alcalde de Ponte Caldelas con comerciantes da vila / Concello de Ponte Caldelas

Os comerciantes de Ponte Caldelas contarán moi pronto cunha nova ferramenta para avanzar na venda electrónica dos seus produtos.

O Concello e a asociación de comerciantes do municipio están a traballar na posta en marcha dunha páxina web na que todos os negocios de Ponte Caldelas poidan ofertar os seus produtos e que a clientela poida mercala sen necesidade de saír da casa.

Ambas partes mantiveron este martes unha reunión de traballo para ultimar os detalles da creación do portal que albergará as vendas online dos comercios de Ponte Caldelas.

En breve, convocarase unha reunión para que todos os negocios de Ponte Caldelas coñezan a web, o seu funcionamento e o xeito de traballar de maneira actualizada e permanente.