Ponte Caldelas agárrase a un camión motobomba como única solución para a loita contra os incendios

Ponte Caldelas
04 de agosto 2017

O Concello de Ponte Caldelas desiste da súa proposta de convocar unha xuntanza urxente para abordar, por enriba de disputas políticas e discusións administrativas, a comarcalización do servizo municipal de Bombeiros de Pontevedra, ao chegar á conclusión de que non hai vontade política para buscar unha solución

Camión motobomba e remolque alxibe do concello de Ponte Caldelas
Camión motobomba e remolque alxibe do concello de Ponte Caldelas

O Concello de Ponte Caldelas desiste da súa proposta de convocar unha xuntanza urxente para abordar, por enriba de disputas políticas e discusións administrativas, a comarcalización do servizo municipal de Bombeiros de Pontevedra.

A Xunta de Goberno Local de Ponte Caldelas adoptou este venres o acordo urxente de solicitar da Consellería de Medio Rural a renovación do seu camión motobomba, cunha antigüidade de case 25 anos, porque é o único medio de resposta inmediata diante dun incendio.

O acordo, sustentado polos grupos do PSdeG-PSOE, AVP e BNG, subliña que ademais de atender os lumes forestais, este camión, operado por funcionarios municipais da brigada de obras, "foi o único medio que sufocou o lume das dúas últimas emerxencias producidas no municipio". Tanto é así que o Concello "viuse tamén na obriga" de restaurar un vello remolque-alxibe de 6.000 litros para reforzar e abastecer a motobomba.

"Son medios moi rudimentarios que non serven en caso dun lume de medianas proporciones tanto no centro urbano do municipio como en calquera dos 33 núcleos rurais", explica Díaz, "pero son a única liña de defensa inmediata que temos".