Ponte Caldelas asina un convenio coa empresa que xestiona o SAF que favorecerá a contratación de 20 veciños

Ponte Caldelas
22 de xullo 2019

O alcalde, Andrés Díaz, e o director xerente da empresa Idades, Víctor Durán, asinaron un convenio que aposta por unha fórmula de colaboración público-privada para loitar contra o desemprego e insertar no mercado laboral á veciñanza    

Andrés Díaz e o director-xerente de Idades, Víctor Durán, asinan o convenio para o SAF de Ponte Caldelas
Andrés Díaz e o director-xerente de Idades, Víctor Durán, asinan o convenio para o SAF de Ponte Caldelas / Concello de Ponte Caldelas

O Concello de Ponte Caldelas e a empresa adxudicataria do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) acaban de asinar un convenio de colaboración en virtude do cal organizarán un curso de formación teórico-práctica que ten garantía de contratación para 20 persoas. 

Segundo a información facilitada polo Concello de Ponte Caldelas, os requisitos son estar empadroado en Ponte Caldelas, en situación de desemprego, contar con carné de conducir e, preferentemente, estudos de ESO.  

O alcalde, Andrés Díaz, e o director xerente da empresa Idades, Víctor Durán, asinaron un convenio que aposta por unha fórmula de colaboración público-privada para loitar contra o desemprego e insertar no mercado laboral á veciñanza.

A nova empresa xestiona o SAF de Ponte Caldelas por un importe anual de 242.595 e contratou as 13 traballadoras que xa traballaban coa anterior empresa.

O servizo atende a 35 persoas maiores e dependentes que, na actualidade, están dadas de alta como usuarias.

O curso de formación, no que colaborará o Concello, celebrarase na Casa da Cultura a partir do mes de setembro. Consistirá en 50 horas de ensino teórico e 100 horas de prácticas, que se realizarán en situacións reais, baixo a tutela das auxiliares de Idades.

As persoas que superen o curso, ata un máximo de 20, iranse incorporando progresivamente para cubrir as necesidades laborais da empresa en Ponte Caldelas e nos concellos da contorna. Idades xestiona o SAF de case unha vintena de municipios, entre eles, Pontevedra, Barro, Poio, Soutomaior, A Lama e Cerdedo-Cotobade.