O goberno municipal de Ponte Caldelas expresou a súa satisfacción polo "cambio de postura" de Educación con respecto ao comedor escolar do colexio da Reigosa, unha demanda que o Concello e a comunidade educativa viñan reclamando con insistencia.
Educación, nunha xuntanza coa ANPA, avanzou que a Xunta de Galicia amósase disposta a construír o comedor e pedirá ao Concello a sinatura dun convenio para que achegue o 50% dun investimento valorado nuns 50.000 euros.
O alcalde, Andrés Díaz, avanza que, aínda coas escasas posibilidades económicas do Concello, a predisposición é favorable ao acordo. Máis aínda, anima a Educación a avanzar tamén na construción dun ximnasio axeitado que substitúa ao actual espazo, dado que non reúne as mínimas condicións.
O Concello lembra que mesmo chegou a facer un proxecto técnico para a construción dun novo ximnasio, incluíndo un espazo para comedor que foi rexeitado por Educación.
Dende o Concello defenden que este colexio, pola súa situación a carón dos polígonos da Reigosa e do Campiño, resultaría unha alternativa de escolarización excelente, en aras á conciliación da vida laboral e familiar, se se potenciasen as súas instalacións con estes dous servizos.