Ponte Caldelas despide as súas festas

Ponte Caldelas
02 de setembro 2015

As Festas das Dores de Ponte Caldelas despídense ata o próximo ano. Fixérono coa tradicional misa solemne en honor a San Roque e a procesión que, a continuación se realiza polas principais rúas do centro urbano do municipio. Foi antes da verbena que puxo o broche de ouro ás celebracións

Procesión das Festas das Dores
Procesión das Festas das Dores / Concello de Ponte Caldelas

As Festas das Dores de Ponte Caldelas despídense ata o próximo ano. Fixérono coa tradicional misa solemne en honor a San Roque -na que participaron un total de 16 sacerdotes- e a procesión que, a continuación se realiza polas principais rúas do centro urbano do municipio. A ambos os dous actos relixiosos acudiron centos de veciños, antes de ir á verbena que puxo o broche de ouro ás celebracións.

A procesión, na que participaron todos os membros da corporación municipal salvo os concelleiros do BNG, foi dende a igrexa á ponte vella de ponte Caldelas e, tras dar media volta, fixeron unha parada na Capela da Ponte, onde quedou depositado o talle da Sagrada Familia. A procesión finalizou na avenida de Vigo, diante da casa-capela onde se gardan as outras dúas imaxes, a Virxe das Dores e San Roque.

Acompañando a toda a comitiva estivo a banda de gaitas Os Coribantes de Buchabade que, ao final, interpretaron os himnos de España e de Galicia.

FESTIVAL SON DE PONTE CALDELAS

A música tamén reclamou o seu protagonismo na recta final das Festas das Dores. Por un lado, coa tradicional verbena que se celebra na noite do martes e que, nesta ocasión, estivo amenizada polas orquestras Marbella, Paladium e Miramar; e por outro co espectáculo Son de Ponte Caldelas, no que actuaron sete agrupacións folclóricas do municipio e que estaba organizado pola banda de gaitas Os Coribantes.

En concreto, no festival participaron as agrupacións Eicho de dar queridiña, Cantareiras de Regodobargo, Airiños da Fracha, Cantareiras de Silvoso, Xeitosiños da Insua, Cantareiras de Chaín e Os Catro Ventos, composta por 60 persoas que ocuparon por completo o escenario.

Con cancións, música e bailes os distintos participantes foron dando mostra das súas capacidades, ao tempo que amosaban gran parte do patrimonio inmaterial cantado polos vales do río Verdugo e o Oitavén e que atesouran a tradición cantareira das parroquias e lugares de Ponte Caldelas.