Ponte Caldelas estrea pasos de peóns cun pintado especial

Ponte Caldelas
09 de xullo 2021

Segundo informan fontes municipais, a intención é que estes pasos destaquen nunha zona de cruce especialmente complicada, como é a da Rúa da Ponte co Paseo Cordo Boullosa, Rúa do Emigrante e Rúa da Igrexa

O alcalde de Ponte Caldelas Andrés Díaz estrea o novo paso de peóns na Rúa da Ponte
O alcalde de Ponte Caldelas Andrés Díaz estrea o novo paso de peóns na Rúa da Ponte / Concello de Ponte Caldelas

A recentemente renovada Rúa da Ponte, en Ponte Caldelas, estrea uns pasos de peóns que foron pintados coa intención de dotarlles de maior visibilidade tanto para os camiñantes como para os condutores.

Estes novos pasos incorporan a lenda 'Preferencia Peonil' acompañada da figura dun peón.

Segundo informan fontes municipais, a intención é que estes pasos destaquen nunha zona de cruce especialmente complicada, como é a da Rúa da Ponte co Paseo Cordo Boullosa, Rúa do Emigrante e Rúa da Igrexa.

Ademais do reforzo destas zonas de preferencia dos peóns sobre os vehículos, o Concello de Ponte Caldelas aproveitou tamén para renovar o pintado na plataforma única da Praza de España, lembrando a obrigatoriedade de circular a 10 km/h e a preferencia peonil neste espazo.