Ponte Caldelas impulsa emendas ao proxecto de orzamentos da Xunta

Ponte Caldelas
29 de outubro 2018

Reclama partidas específicas para o saneamento do rural, a Casa da Quintán, o colexio da Reigosa, o centro de saúde e os "pasos" de Taboadelo

Integrantes do goberno municipal de Ponte Caldelas
Integrantes do goberno municipal de Ponte Caldelas / Concello de Ponte Caldelas

O goberno local de Ponte Caldelas fixo chegar aos grupos parlamentarios do PSdeG e o BNG as súas propostas de emendas ao borrador de orzamentos da Xunta de Galicia para 2019 ao entender que o documento actual deixa sen resolver moitos asuntos que son competencia do goberno autónomo.

O importe das emendas defendidas polo goberno caldelán supera lixeiramente os 6,5 millóns de euros.

Di o goberno local que a principal eiva é a carencia de rede saneamento na maior parte dos núcleos do rural. Así, cun importe total duns 6 millóns de euros, reclámanse os saneamentos de Laxoso, A Fraga, Caritel, Forzáns, Esfarrapada, Anceu, Barbudo, Rebordelo, Regodobargo, Chaín, A Insua, A Roca, Coveliño, Parada, Baltar (terceira fase) e Avecil-Cuñas (terceira fase).

A seguinte reclamación é a apertura e posta en funcionamento da Casa da Quintán como centro de maiores ou centro mixto de maiores e persoas con discapacidade intelectual, para o que se solicita unha partida de 100.000 euros, toda vez que o edificio está rehabilitado dende hai 10 anos.

Para a construción dun ximnasio e un comedor escolar no colexio da Reigosa introdúcese outra proposta de emenda de 250.000 euros.

A reparación e posta en valor dos pasos tradicionais de Taboadelo, sobre o río Verdugo, é a seguinte cuestión recollida, cun orzamento de 60.000 euros con cargo a Augas de Galicia.

Finalmente, proponse unha actuación de ornato interior e adecuación do centro de saúde, que atópase moi abandonado e, por este motivo, suscita numerosas queixas entre a veciñanza. O custo desta actuación é estimado noutros 60.000 euros.

O Concello lamenta que nestes tres anos e medio de mandato municipal a Xunta de Galicia non teña acometido nin unha soa obra ou actuación directa en Ponte Caldelas.