Ponte Caldelas mellora o vial de entrada ao barrio do Val

Ponte Caldelas
23 de novembro 2018

A ampliación dun camiño permite o paso de vehículos de emerxencias nunha zona con alta densidade de poboación

Vial de entrada ao barrio do Val Concello de Ponte Caldelas

As obras de ampliación do camiño do barrio do Val, na parroquia da Insua, permitirán acabar coas dificultades de acceso a unha zona do rural de Ponte Caldelas con alta densidade de poboación.

O goberno local decidiu afrontar unha actuación que considera moi necesaria, pero que entraña certa complexidade, pois obriga a instalar un muro de contención diante da pendente dos laterais. A vía, cuns 200 metros de lonxitude, vai pola parte superior da Casa do Pobo, e dá servizo a preto dunha ducia de vivendas.

Os traballos, cun orzamento duns 40.000 euros, comezaron hai algúns días e céntranse nestes intres nos movementos terras. A actuación permitirá triplicar o ancho dispoñible, pois algúns puntos pasarán de pouco máis de 2 metros a uns 6 metros. A colaboración veciñal foi crucial para facer posible esta obra, toda vez que tres propietarios cederon os terreos necesarios ao Concello.

A veciñanza comentou a súa satisfacción, pois na zona residen algunhas persoas de idade avanzada e xa houbo dificultades no pasado para o paso das ambulancias medicalizadas.

O Concello de Ponte Caldelas dá prioridade no seu plan de obras no rural á mellora dos accesos a vivendas nas que non é posible o paso de vehículos de emerxencias.