Ponte Caldelas mellora os accesos na Reigosa

Ponte Caldelas
02 de novembro 2018

A pavimentación dun camiño evita as manobras aos veciños da parte baixa do lugar

Pavimentación dun camiño na Reigosa
Pavimentación dun camiño na Reigosa / Concello de Ponte Caldelas

Os veciños residentes na parte baixa da Reigosa xa non terán que manobrar cos vehículos para poder acceder as súas vivendas. O Concello pavimentou un camiño de terra que proporciona un acceso directo e evita un complicado cruce, cun xiro moi pechado.

A obra, demandada dende hai moitos anos, executouse nestes días, e foi visitada polo alcalde, Andrés Díaz, e o concelleiro José Manuel Martínez, en representación do goberno local.

A actuación abrangue algo máis de 100 metros dende o campo da Reigosa ata as vivendas situadas nesta zona. O novo pavimento foi resolto cunha capa de formigón e inclúe unha grella para a recollida das augas pluviais diante da pendente do terreo.

O goberno local destaca a mellora continua de camiños na Reigosa acometida neste mandato, pois ademais de resolver varios accesos a vivendas en diversas zonas deste pobo tamén se recuperou o camiño tradicional que comunica con Vilarchán.