Ponte Caldelas pechará a Praza de España ao tráfico polas tardes, fins de semana e festivos

Pontevedra
27 de maio 2020

Ofrecer aos veciños unha maior seguridade para estar na "gran terraza" que, segundo o Concello, forman a Alameda e a Praza de España. É o que busca o goberno municipal de Ponte Caldelas coa súa decisión de pechar ao tráfico todo este ámbito

Nenos xogando na praza de España de Ponte Caldelas
Nenos xogando na praza de España de Ponte Caldelas /

Ofrecer aos veciños unha maior seguridade para estar na "gran terraza" que, segundo o Concello, forman a Alameda e a Praza de España. É o que busca o goberno municipal de Ponte Caldelas coa súa decisión de pechar ao tráfico todo este ámbito.

A partir deste venres, a Praza de España será totalmente peonil todas as tardes de luns a venres e as fins de semana e festivos durante todo o día.

Esta medida, que se ía poñer en marcha unha vez executado o aparcamento central situado detrás da ludoteca, adiántase con motivo da COVID-19 e co obxectivo de permitir un maior distanciamento social entre a xente.

De luns a venres, poderase acceder á praza en coche en horario de 07.00 a 14.30 horas para facilitar a realización das xestións no casco urbano e para a entrada e saída de vehículos e autobuses aos centros escolares.

Os únicos que poderán permanecer na praza en horario de mañá e tarde son os taxistas.

A este respecto, o BNG vai un paso máis alá e pedirá no pleno municipal que esta peonalización da Praza de España sexa permanente.

Os nacionalistas entenden que as políticas de recuperación do espazo público deben ser unha "prioridade" para o goberno municipal que, a raíz da pandemia, "faise imprescindible".

Esta peonalización total da praza permitiría, segundo o BNG, adaptar ese espazo público para que sexa posible manter a distancia de seguridade sen que implique distanciamento social e sería necesaria unha reordenación do tráfico, para o que sería preciso que o treito da rúa Concepción Arenal entre o cruce e a rotonda do colexio pasara a ser de dobre sentido.