Ponte Caldelas pide á Xunta e á Deputación que destinen o 1 % dos seus orzamentos aos concellos

Ponte Caldelas
21 de xaneiro 2021

O alcalde Andrés Díaz propón que os fondos sexan repartidos en función do número de habitantes de cada concello ou polo volume do tecido empresarial

Andrés Díaz cos arquivadores da Conta Xeral de 2019
Andrés Díaz cos arquivadores da Conta Xeral de 2019 / Concello de Ponte Caldelas

O pleno do Concello de Ponte Caldelas aprobou este xoves unha moción impulsada polo PSOE a través da que instan á Xunta e á Deputación de Pontevedra a que destinen o 1 % dos seus orzamentos a unha liña de axudas directas aos concellos, que estes destinarán aos negocios que máis están a padecer os efectos da crise sanitaria e económica derivada da pandemia da covid-19.

Deste xeito, o Concello de Ponte Caldelas achegaría preto de 38.000 euros e encargaríase tamén de xestionar os fondos recibidos polas outras dúas administracións, cuxo montante se decidiría en función do número de habitantes ou por volume do tecido empresarial.

No seu discurso, o alcalde Andrés Díaz asegurou que Ponte Caldelas foi o primeiro concello de Galicia en ofrecer axudas directas aos autónomos e pemes.

O Partido Popular abstívose na votación desta proposta.