O Concello de Ponte Caldelas ten previsto solicitar á Xunta que eleve varios pasos de peóns na rúa Augusto González Besada, actuacion que se levaría a cabo cando a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, afronte a mellora da estrada autonómica PO-234 Ponte Caldelas - Aguasantas, da que esta rúa forma parte.
Coa finalización da instalación dos pasos de peóns elevados na Avenida de Pontevedra, realizados pola Xunta xa que a estrada PO-532 é de titularidade autonómica, o Concello continúa coa súa actuación a favor da mellora da seguridade vial nas principais rúas da vila.
Os dous pasos de peóns que foron elevados están situados, uns deles, á entrada da zona urbana e o outro na intersección da Avenida de Pontevedra coas rúas Brasil e Concepción Areal. A Avenida de Pontevedra (tramo urbano da carreta autonómica PO-532) constitúe un eixe transversal do núcleo urbano de Ponte Caldelas con moito tráfico e que tamén se encontra transitado por gran número de peóns que teñen que cruzala para dirixirse á zona escolar onde de sitúan a gardaría municipal, a ludoteca, o CEIP Cordo Boullosa, o Instituto e o principal parque infantil da vila.
Os vehículos que veñen de Pontevedra en dirección cara a Ponte Caldelas, adoitan facelo a gran velocidade ao ser costa abaixo, sen reparar en que se trata dun tramo urbano e sen respectar en moitos casos os pasos de peóns existentes. Con esta actuación solicitada polo alcalde Perfecto Rodríguez ao delegado da Xunta, Cores Tourís, conséguese reducir a velocidade dos vehículos na zona urbana, gañando con iso en seguridade vial para os peóns.