Ponte Caldelas renova o convenio cos comerciantes para a dinamización do municipio

Ponte Caldelas
11 de agosto 2017

Un total de 10.000 euros. Son os cartos que destina o Concello de Ponte Caldelas para a renovación do convenio de colaboración coa asociación de comerciantes da vila, Coempo, para organizar de forma conxunta actividades de dinamización social e comercial

Firma do convenio entre Ponte Caldelas e Coempo
Firma do convenio entre Ponte Caldelas e Coempo

Un total de 10.000 euros. Son os cartos que destina o Concello de Ponte Caldelas para a renovación do convenio de colaboración coa asociación de comerciantes da vila, Coempo, para organizar de forma conxunta actividades de dinamización social e comercial.

O goberno local sufraga, desta maneira, boa parte do custo dunha ducia de actividades ao longo do ano, principalmente enfocadas á animación nas campañas de compra. Materialízase na Cabalgata de Reis, nas campañas de Nadal, do Pai e da Nai, de San Valentín ou rebaixas.

Neste ano mesmo organizouse tamén unha festa  de escuma coincidindo co remate do período lectivo, na que participaron centos de rapaces. Ademais disto, está destinada á organización da Feira de Oportunidades, coa que os comerciantes dan saída ás súas mercancías ao remate da temporada.

Andrés Díaz destacou a constante colaboración entre o Concello e Coempo. De feito, este ano tamén quedou patente no redeseño do programa das festas de verán, que cobrou un formato no que, ademais de informar das 80 actividades encadradas entre xuño e outubro, anima tamén a mercar no comercio de Ponte Caldelas.

O documento, que emula a un medicamento, "sen contraindicación algunha", saíu á rúa baixo o nome de "Dinamical forte".

O Concello e o sector comercial deben seguir traballando man con man, dixo Díaz, porque "son socios naturais" e trátase dunha alianza "que non só moi positiva, senón necesaria para fortalecer a Ponte Caldelas", engadiu.