Ponte Caldelas repara a pasarela do Paseo da Calzada tras as enchentes do inverno

Ponte Caldelas
06 de marzo 2021

Repoñer os listóns de madeira que están deteriorados logo das crecidas do río Verdugo e substituír as vigas inferiores danadas. Son os traballos que o Concello de Ponte Caldelas está a facer na pasarela de madeira do Paseo da Calzada

Reparación da pasarela do Paseo da Calzada
Reparación da pasarela do Paseo da Calzada / Concello de Ponte Caldelas

Repoñer os listóns de madeira que están deteriorados logo das crecidas do río Verdugo e substituír as vigas inferiores danadas. Son os traballos que o Concello de Ponte Caldelas está a facer na pasarela de madeira do Paseo da Calzada.

Todas as madeiras serán sometidas a un tratamento de protección como se realiza todos os anos unha vez rematada a temporada de crecidas do Río Verdugo.

Ademais, tamén están encargados os farois e o material eléctrico necesario para reparar todas as luminarias do paseo que se viron afectadas polas crecidas deste ano.

Foron varias as que caeron polo desbordamento do río e outras que quedaron moi danadas e necesitan ser reparadas para o seu funcionamento.

Ponte Caldelas apunta que a maioría dos danos deste ano foron provocados polo arboredo que cae ao río e baixa con forza e agresividade, cuestión que "non tería acontecido" se a Xunta de Galicia "fixese a súa labor e non tivese completamente abandonados as canles dos ríos".

A competencia sobre estes ríos, engade o goberno municipal, é autonómica e a pesar diso "non aporta nin un só céntimo" para sufragar os estragos que se producen neste mobiliario.