Responsables da Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor (ADEAC), que xestiona as bandeiras azuis, realizaron unha inspección por sorpresa na praia fluvial da Calzada, en Ponte Caldelas. A pesares do inesperado da visita, as instalacións demostraron que cumpren cos requisitos do organismo e superaron con éxito a análise.
Segundo informou o Concello de Ponte Caldelas, os responsables da ADEAC ratificaron que o ano que ven a praia fluvial manterá a bandeira azul. A Calzada converteuse este ano na primeira zona de baño dun río con bandeira azul en España.
Nesta última visita, os inspectores realizaron unha comprobación ocular e en persoa de todas as instalacións obrigatorias para manter o distintivo da bandeira azul e tamén o nivel de excelencia da auga da zona de baño. A praia fluvial superou o exame sorpresa coa máxima nota "positiva e con felicitacións", segundo confirmou ao Concello o vicepresidente primeiro de ADEAC, o español José Palacios.
A única recomendación realizada polos técnicos foi que se colocara un espello nos servizos adaptados para persoas con discapacidade a unha altura máis axeitada e estudar a posibilidade de instalar un guindastre que posibilite o descenso dunha cadeira de rodas ata a zona de baño.
Palacios felicitou ao equipo de goberno e aos técnicos municipais polo grao de cumprimento dos stándares que obriga a concesión da bandeira azul e sinalou que "calquera praia fluvial en España que queira obter este distintivo de calidade e queira saber que ten que facer, ímoslle poñer como exemplo a seguir a praia da Calzada en Ponte Caldelas porque cumpre escrupulosamente con tódolos nosos parámetros de calidade medioambiental e de servizos".
Por outra banda, o vicepresidente primeiro de ADEAC deu luz verde á creación dunha ruta de sendeirismo azul que teña como epicentro a praia fluvial de A Calzada e o organismo europeo autorizou a Ponte Caldelas a colocar indicacións e sinalética axeitada polas estradas de Soutomaior e Pontevedra, con destino a Ponte Caldelas, para indicar axeitadamente e lucindo o logotipo da bandeira azul para orientar aos visitantes cara á praia fluvial de A Calzada.