O Nadal xa reina en Ponte Caldelas despois do acendido oficial da iluminación.
A Praza de España da localidade foi a elixida, un ano máis, para facer dar o pistoletazo de saída a esta festa.
Ademais da decoración, que se estenderá por practicamente todo o municipio, o Concello ten preparadas unha serie de actividades durante todo o mes para os máis pequenos e tamén para persoas adultas.
Esta fin de semana continuarán as actividades coa Feira de Artesanía da Praza de España, mentres que o sábado 9 de decembro, ás 19:00 horas, celebrarase o Concerto de Panxoliñas na Igrexa de Santa Baia.
O sábado 16 terá lugar a tradicional Papanoelada Moteira, con saída na Praza de España a partir das 16:00 horas, ás 18:00 será a chocolatada e ás 19:00 o Festival Quilo Solidario.
O día 24 farase a habitual recepción de Papá Noel na Casa da Cultura.
Para terminar o ano, o 31 de decembro ás 12:00 horas faranse as badaladas adiantadas na Alameda e á 1:00 a festa de fin de ano na Praza de España con Fania Branco Show.
As actividades de Nadal do Concello de Ponte Caldelas terminarán o xoves 4 de xaneiro coa Cabalgata dos Reis Magos, que percorrerá as rúas da vila.