'Ponte Corazón', unha nova asociación de pacientes cardíacos de Pontevedra

Pontevedra
16 de novembro 2024

Impulsada pola Unidade de Rehabilitación Cardíaca do CHUP, a asociación de pacientes deu os seus primeiros pasos coa aprobación dos seus estatutos e a elección dunha xunta directiva

O cardiólgo Diego Fernández con membros da directiva de 'Ponte Corazón'
O cardiólgo Diego Fernández con membros da directiva de 'Ponte Corazón' /

Unha nova asociación de pacientes nace en Pontevedra, reunindo en concreto a persoas que pasaron ou padecen afeccións cardíacas.

Bautizada como 'Ponte Corazón', é unha entidade impulsada pola Unidade de Rehabilitación Cardíaca do Complexo Hospitalario de Pontevedra (CHUP) e que deu os seus primeiros pasos coa aprobación dos seus estatutos e a elección dunha xunta directiva.

Ten como obxectivos, segundo os seus estatutos, promover accións de axuda mutua entre os enfermos de corazón, reforzar o apoio social necesario e colaborar coas institucións e organismos sanitarios para tentar mellorar a calidade de vida dos enfermos.

Ponte Corazón traballará ademais, sinalan, para lograr o desenvolvemento dun Programa de Rehabilitación Cardíaca con carácter xeral e gratuíto, así como dar a coñecer os seus beneficios entre os pacientes e os seus familiares.

Outras das súas líenas de acción serán a promoción e organización de sesións e campañas informativas en centros escolares, empresas ou asociacións interesadas sobre os factores de risco, e impulsar medidas dirixidas á prevención destas enfermidades.

Unha vez formalizada a inscrición desta organización sen ánimo de lucro no Rexistro de Asociacións de Galicia, dependente da Xunta, a entidade asociativa ten previsto pór en marcha unha campaña de captación de socios.

A súa xunta directiva provisional estará presidida por Pedro Baez Alfonsín, acompañado de Pedro Pérez, Jesús Manuel Drodríguez, José Luís Porto, Álvaro Valcarce Gómez e José Antonio Cuevas.

A Unidade de Rehabilitación Cardíaca do CHUP, dirixida polo cardiólogo Diego Fernández, púxose en marcha en 2021 e desde entón foron preto de 500 os pacientes que participaron das súas actividades.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora