PonteAbastos.com amplía oferta con seccións de floraría, panadaría, conservas e queixería

Pontevedra
02 de marzo 2021

A plataforma online impulsada por Promoción Económica e #PonteLovers chega a novos clientes de fóra de Pontevedra, en especial de Madrid, con envíos de peixe, carne e marisco

Jorge Eyo, responsable de PonteAbastos.com
Jorge Eyo, responsable de PonteAbastos.com / Concello de Pontevedra

O portal de compras PonteAbastos.com, impulsado polo emprendedor Jorge Eyo en colaboración coa Concellería de Promoción Económica e a plataforma #PonteLovers para ofertar servizo de envío a domicilio dos produtos do Mercado de Abastos, está a conquistar clientes de fóra do municipio de Pontevedra.

A coordinación con outros provedores loxísticos permite entregar mercadorías na outra punta do país en menos de 24 horas. Dende o pasado Nadal, a web pontevedresa está a enviar peixes, mariscos e carne a clientes de toda a península, en especial de Madrid, e xa conta cunha opción de envíos a toda España (menos as illas).

Segundo explica Jorge Eyo, "algúns dos clientes aos que lles mandamos os produtos son fillos ou familiares de veciños de Pontevedra que viven fóra e que ata o de agora pagaban demasiados cartos e perdían moito tempo en facer eses envíos a domicilio".

Nestes meses teñen desenvolvido a venda a través do teléfono, tanto por whatsapp como por chamada telefónica (o número de contacto é o 628387963).

"Nalgúns casos mesmo efectuamos videochamadas para que o propio cliente poida ver exactamente que está mercando. Unha vez mercado e empaquetado, levámosllo a casa e cobramos tanto en efectivo como con tarxeta. Deste xeito, chegamos a máis xente e tratamos de xerar máis confianza co cliente", sinala Eyo.

A concelleira de Promoción Económica, Yoya Blanco lembra que, dentro da oferta de PonteAbastos, inclúese a posibilidade de cocer os mariscos, o que ademais de ser moi cómodo para os clientes, xera sinerxías dentro do propio Mercado, ao implicar dentro da plataforma a un dos bares existentes no espazo gastronómico.

Yoya Blanco tamén salienta que o portal de compras ampliou a súa lista de servizos con novas seccións de floraría, panadaría, conservas e queixería, e en breve disporá dunha produtos ecolóxicos de Hortasan.

"O obxectivo é seguir traballando para tratar de que máis praceiros se unan progresivamente á plataforma online. Entre outras vantaxes, decidiuse que os gastos de envío sexan gratuítos para os pedidos realizados en Pontevedra, sen pedido mínimo. Os clientes compran o que precisan e PonteAbastos encárgase de levarllo a casa. O Mercado de Abastos a golpe de click", afirma a concelleira do PSOE.