Este martes 6 de maio a casa consistorial de Pontevedra acollía a presentación da 12ª edición de Pontenciencia, un proxecto de ciencia e innovación que se consolidou como referencia no ámbito da divulgación científica e a innovación educativa en Pontevedra e comarca.
O acto contou coa presenza do concelleiro de Educación, Demetrio Gómez, e de diversos representantes de centros de investigación, organizacións e empresas colaboradoras.
Luis Torres, director da área adxunta á Vicerreitoría do campus de Pontevedra da Universidade de Vigo; Pablo Otero, director do Centro Oceanográfico de Vigo, pertencente ao Instituto Español de Oceanografía (IEO-CSIC); Ángel Villar, subdirector xeral de Ceyeda; Casimiro González, xerente territorial de VIAQUA; Manuel Fernández, apoderado de SETGA; e Iago González, VP Sales and Marketing en Cristalería Pontevedresa, participaron nesta presentación.
Durante a súa intervención, Demetrio Gómez destacou o carácter colectivo e de esforzo continuado que caracteriza a Pontenciencia, agradecendo especialmente o compromiso das empresas e institucións que colaboran na iniciativa.
"Hoxe culminamos un traballo durante todo o curso, que non sería posible sen a implicación de todas: centros educativos, familias e o apoio das empresas", afirmou Gómez.

O concelleiro de Educación afirmou a importancia da ciencia e a investigación para o futuro de Pontevedra, porque "sen investigación, as empresas punteiras e a súa visión de futuro non serían posibles".
A edición deste ano, que terá lugar na Escola de Enxeñería Forestal do campus de Pontevedra o venres 9 e sábado 10 de maio, contará con 34 proxectos de investigación presentados por 23 equipos, entre eles, centros de Ensino Primario, Secundario e familias.
O programa inclúe unha extensa oferta de obradoiros temáticos, que abarcan campos como enxeñería, física, química ou astronomía, entre outros, así como actividades abertas a todos os públicos na tarde do venres e a mañá do sábado, para fomentar a participación cidadá.
Ademais, o xurado terá a difícil tarefa de premiar as mellores investigacións, entre as cales se repartirán o Premio de Investigación 2025, o Premio ás Mulleres Investigadoras, e como novidade este ano, o Premio do Centro Oceanográfico de Vigo á Mellor Investigación Mariña.
Pablo Otero, director do Centro Oceanográfico de Vigo, destacou a importancia de sensibilizar os máis novos sobre o papel dos océanos na nosa vida e os retos ambientais que estes afrontan.
"Os océanos proporcionan a metade do oxíxeno que respiramos creado por microalgas, proteínas de calidade, recursos minerais, novos fármacos e son tamén fonte de ocio. Por iso, creamos este premio, para fomentar a investigación marina entre os mozos e as súas familias", apuntou.
Pola súa banda, Ángel Villar, subdirector xeral de Carpintería Ceyeda, expresou, en nome das empresas colaboradoras, o orgullo por formar parte deste evento e a vontade de colaborar coa sociedade a través da participación "nesta feira da ciencia e o apoio os futuros talentos".