Co debate dunha posible comarcalización do parque de bombeiros de Pontevedra de novo a voltas, o goberno municipal quixo fixar este xoves unha postura "moi clara" respecto diso. Está "aberto" a estudar esta opción. Pero con condicións.
O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, sostivo que, no caso de que se acorde ampliar o ámbito de cobertura do parque pontevedrés, isto non pode implicar "de ningunha maneira" que este maior gasto "vaia a conta" dos cidadáns de Pontevedra.
E, en todo caso, engadiu que "fálase moito" deste asunto, pero as administracións competentes non presentaron aínda "ningunha proposta que poidamos estudar".
"Estamos esperando a que fagan unha proposta e estamos abertos a todo tipo de posibilidades", subliñou Fernández Lores, "sempre que ao cidadán non lle custe máis".
Desde Pontevedra recoñecen que é unha cuestión "complexa", pero insisten en que "non hai ningunha negativa a falar do tema".
Entenden que ese paso debe dalo a Xunta de Galicia e a Deputación de Pontevedra, que son os que dirixen o consorcio provincial de emerxencias.
É a eles, reiterou o alcalde, a quen corresponden realizar unha proposta de comarcalización, xa que o ámbito de actuación do parque de Pontevedra excedería do seu termo municipal.
Os bombeiros de Pontevedra xa acoden de maneira regular a atender emerxencias noutros concellos, algo que "non nos corresponde", lembrou Lores.
Pontevedra estaría disposta, por exemplo, a destinar todo o diñeiro que destina cada ano ao parque de bombeiros a un posible ente comarcal, pero "nin un euro máis".
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.