Os pontevedreses, como cada primeiro venres do mes de marzo, acudiron desde primeira hora da mañá á súa cita anual na igrexa de San Bartolomé a pedir as Tres Grazas ao Nazareno.
Así, cada 20 minutos e durante toda a xornada, nos arredores da igrexa os fieis esperaban o seu momento para entrar, acender a vela coa súa petición e rezar a oración ante a imaxe de Jesús Nazareno.
As velas comprábanse fóra, onde as vendedoras recomendaban a cada persoa unha cor determinada dependendo do que quixesen pedir. "A violeta é polo Nazareno, a verde pola saúde, a amarela polo traballo, a branca significa pureza, a azul é pola paz e a vermella por Cristo", explicaba unha delas.
Unha vez dentro, a man dereita, un grupo de voluntarias recollíanas e acendían para que os devotos puidesen visitar ao Ecce Homo e fixesen a súa petición persoal.
Os motivos para pedir as 'tres grazas' son moi variados e persoais, aínda que algúns dos alí presentes explicaron a PontevedraViva que pedían saúde, traballo para aqueles membros da familia que estaban con dificultades económicas e mesmo aprobar os exames.
As 'tres grazas' están relacionadas coas tres caídas que sufriu Cristo durante a subida coa cruz desde o pretorio ao monte do Calvario, e que se evocan no Vía Crucis.