Pontevedra acollerá o 9 e 10 de marzo o Concurso Exposición Internacional da Camelia

Pontevedra
12 de febreiro 2019

A previsión é que acudan unhas 7.000 persoas a visitar este certame ao que concorrerán uns 60 expositores

Eva Vilaverde presenta o Concurso Exposición Internacional da Camelia
Eva Vilaverde presenta o Concurso Exposición Internacional da Camelia / PontevedraViva

A fin de semana do 9 e 10 de marzo terá lugar o LV Concurso Exposición Internacional da Camelia, no Recinto Feiral de Pontevedra, segundo anunciou este martes a deputada Eva Vilaverde.

A previsión é que acudan unhas 7.000 persoas a visitar este certame ao que concorrerán uns 60 expositores.

Eva Vilaverde explicou que en anteriores edicións deste evento insistiuse no "carácter poliédrico" da camelia pero nesta ocasión centrarase nun aspecto máis descoñecido como é o produtivo para o que se desenvolverán unhas xornadas técnicas relacionadas coas cuestións sanitarias así como os usos forestais.

Manterase o exitoso espazo gastronómico relacionado coa camelia, cun showcooking a cargo do prestixioso cociñeiro Iñaki Bretal e presentarase o libro editado pola Deputación "Os xardíns históricos da provincia de Pontevedra".

Neste concurso "coidarase moito a parte expositiva" que é o reclamo que atrae a máis público. Este mércores sairán publicadas as bases no Boletín Oficial da Provincia con todos os detalles desta convocatoria.