Pontevedra adhírese ao convenio da Xunta e Seaga para reforzar a prevención de incendios

Pontevedra
21 de maio 2026

Os propietarios de parcelas situadas nas franxas secundarias das parroquias consideradas prioritarias poderán contratar directamente os servizos de Seaga cun custo bonificado de 420 euros por hectárea

Desbroce das pistas forestais en Cuntis Concello de Cuntis

O Concello de Pontevedra aprobou este xoves a súa adhesión ao convenio impulsado pola Xunta de Galicia, a través da Consellería do Medio Rural, e a empresa pública Seaga para reforzar a xestión da biomasa nas chamadas faixas secundarias de protección.

O acordo busca consolidar un sistema público de prevención centrado na limpeza e control da vexetación en zonas consideradas estratéxicas, especialmente nas proximidades de núcleos de poboación e infraestruturas sensibles. O obxectivo é reducir a carga de combustible vexetal e minimizar así o risco de lumes forestais.

Segundo explicou o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, os propietarios de parcelas situadas nas franxas secundarias das parroquias consideradas prioritarias poderán contratar directamente os servizos de Seaga para realizar as tarefas de limpeza, cun custo bonificado de 420 euros por hectárea.

A incorporación de Pontevedra a este convenio permitirá intensificar as actuacións preventivas no municipio, mellorar a seguridade da veciñanza e contribuír á conservación do medio natural.

Ademais, facilitará a execución subsidiaria das rozas en casos nos que os titulares das fincas non cumpran coas súas obrigas legais.

A iniciativa da Xunta, en marcha desde o ano 2018, continúa ampliando a súa implantación en Galicia. De feito, segundo os últimos datos da Consellería do Medio Rural, xa son 292 os concellos galegos adheridos ao convenio, o que representa máis do 93 % dos municipios da comunidade.

Medio Rural informou que o actual acordo terá vixencia ata 2029 e conta cun orzamento anual de 25 millóns de euros. Entre as novidades destaca tamén o incremento do número de parroquias prioritarias, que pasan de 157 a 276 en toda Galicia. Nestas zonas, os particulares poden acceder directamente ao servizo de limpeza preventiva de Seaga.

O convenio inclúe tamén outras medidas de apoio aos concellos, como a posibilidade de executar actuacións subsidiarias en ata dez hectáreas anuais fóra das parroquias prioritarias, a limpeza de ata 12 quilómetros de vías municipais e asistencia técnica para revisar os plans municipais de prevención de incendios.

Ademais, Seaga prestará colaboración aos municipios adheridos nas tarefas de inspección das parcelas e na notificación aos propietarios, ao tempo que se continuará fomentando a plantación de especies vexetais que actúen como franxas naturais de protección arredor dos núcleos habitados.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora