Pontevedra agarda recadar 150.000 euros anuais cunha taxa ás empresas de telefonía

Pontevedra
06 de novembro 2018

Un novo tributo que, segundo os cálculos municipais, reportará 150.000 euros ao ano ás arcas do Concello. É o que se lle cobrará ás empresas de telefonía móbil que presten servizo na cidade. A iniciativa parte dunha moción presentada no seu día polo PSdeG-PSOE

Antena de telefonía
Antena de telefonía

Un novo tributo que, segundo os cálculos municipais, reportará 150.000 euros ao ano ás arcas do Concello. É o que se lle cobrará ás empresas de telefonía móbil que presten servizo na cidade. A iniciativa parte dunha moción presentada no seu día polo PSdeG-PSOE.

O borrador desta nova ordenanza fiscal de telefonía foi analizado este martes na comisión municipal de Economía e, a partir de agora, os grupos políticos poderán facer as súas achegas.

En concreto, este documento regula a coñecida como utilización privativa e os aproveitamentos especiais no solo, subsolo e voo da vía pública a favor de empresas explotadoras de servizos de telefonía móbil.

Pagarán esta taxa todas aquelas compañías que teñan antenas fixas, microcelas, redes ou instalacións que ocupen espazo público.

O borrador de ordenanza recolle un coeficiente de corrección do 0.30, aplicable ás empresas de telefonía que teñan un número de liñas de móbiles de prepagamento ou contrato que non superen as 5.500.

Aínda que Facenda estima que a recadación por este novo tributo serán 150.000 euros por ano, os importes máximos poderán chegar aos 300.000 euros.