O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, compareceu este xoves na sala de prensa do Concello con dous galardóns debaixo do brazo que acaba de recoller esta mesma semana: a placa olímpica concedida polo Comité Olímpico Español (COE) e a 'Chave do valor público', entregada pola organización do certame Public Value Fest de Lisboa.
Fernández Lores apuntou que no caso deste recoñecemento do COE, a honra máis alta que concede, supón que "o modelo urbano non é só urbanístico, senón que permite tamén que o Concello sexa premiado pola súa actividade noutras facetas culturais, deportivas, etcétera".
Respecto ao de Lisboa, Lores indicou que o modelo de Pontevedra segue sendo a "envexa de moitas cidades e de moitos países e que segue dando réditos".
En canto aos asuntos abordados hoxe na Xunta de Goberno Local, motivo da súa rolda de prensa, Lores informou da aprobación da licenza para que a empresa titular do aparcadoiro da Praza de Barcelos acometa diversas obras por un importe de 118.000 euros.
Son actuacións de mellora dos accesos peonís a este estacionamento que foi inaugurado en 1997.
As actuacións exteriores contemplan o lavado e limpeza dos muros e zócalos, reparación dos piares de entrada ao parking, substitución da reixa de peche, substitución do falso teito e nova sinalética.
No interior pintarase o teito, porase un revestimento cerámico en paredes e vestíbulos, limparase o pavimento, esmaltaranse as portas, mellorarase a iluminación e renovarase toda a sinalética. "É unha posta a punto que realmente lle facía falta", indicou o alcalde.
Doutra banda, o Concello renunciou a adxudicación do lote de colectores de residuos para a renovación parcial destes elementos no municipio. "Non se adxudica polo atraso parcial deste contrato e porque vai entrar en funcionamento o novo contrato xeral para o tratamento e xestión de residuos, que xa contempla a mudanza de todos os colectores na cidade e no rural", explicou. A renuncia foi acordada polas dúas partes xa que carecía de sentido.
Como asunto máis importante, o alcalde anunciou que o Concello obtivo unha prórroga ata o 15 de novembro para xustificar a execución de dous proxectos financiados con fondos europeos relacionados coa implantación da Zona de Baixas Emisións (ZBE) que son: a reforma da rúa Santiña e a instalación de cámaras de tráfico e medidores ambientais de calidade do aire.
O goberno local ampliou o prazo da obra da rúa Santiña ata o 21 de setembro debido ao atraso que acumulou, fundamentalmente, pola canalización das liñas eléctricas de Fenosa. E a instalación das cámaras e sensores tamén se viu afectada por un problema da operadora Orange coa rede de fibra óptica, polo que o prazo tamén se prorrogou até o 30 de xuño.
Nesta Xunta de Goberno tamén se adxudicaron as montaxes de liñas e cadros de subministración eléctrica para as festas de Santiaguiño do Burgo e Peregrina á empresa SETGA por 150.000 euros. E a Moncosa por 11.000 euros para a Feira Franca.
Ademais, sacouse a contratación o seguro de responsabilidade civil e patrimonial do Concello, cun orzamento de saída de 150.000 euros.