Pontevedra Alternativa propón dinamizar a praia fluvial cunha pasarela sobre os piares da antiga ponte do tren

Pontevedra
09 de abril 2023

Pontevedra Alternativa presentou esta fin de semana a primeira parte do seu proxecto 'Pontevedra é o Lérez', que propón actuar na contorna da praia fluvial, o barrio da Moureira, as Corbaceiras, a Illa do Covo e o paseo do linde do Lérez. Propón crear unha  tirolina de 50 metros de longo para caer nunha zona do río libre de bañistas

Proposta 'Pontevedra é o Lérez'
Proposta 'Pontevedra é o Lérez' /

Pontevedra Alternativa presentou esta fin de semana a primeira parte do seu proxecto 'Pontevedra é o Lérez', que levará ás eleccións municipais do 28 de maio co obxectivo de achegar o río Lérez á cidadanía. 

O proxecto propón actuar na contorna da praia fluvial, o barrio da Moureira, as Corbaceiras, a Illa do Covo e o paseo do linde do Lérez

No caso da contorna da praia fluvial, propoñen a creación dunha pasarela peonil sobre os piares da antiga ponte do tren para unir a Illa do Covo coa praia fluvial, mellorando a accesibilidade á mesma e á zona de lecer anexa. 

Este partido político liderado por Carlos Fontán sostén que a afluencia á praia foi "un éxito mediocre" dende a súa apertura e "boa parte de culpa" é da "pouca accesibilidade da mesma", xa que está  moi afastada do centro, sen lugar de aparcamento e só accesible dende a avenida Bos Aires. 

Con esta nova pasarela, tamén se propón crear unha tirolina de 50 metros de longo para caer nunha zona do río libre de bañistas.

A proposta tamén inclúe a ampliación dos lindes da praia, con actuacións para limpar e adecuar a actual zona de bosque que inclúe as mesas da zona de merenda.

O seu proxecto tamén pensa na creación dun parque de calistenia e unha nova zona de merenda e a instalación dun cartel das rutas do río Lérez para potenciar os posibles sendeiros a partir deste punto e ó longo do trazado do río.

Tamén entra nos seus plans a ampliación do campo de area para a práctica de deportes de praia como o voleibol e o balonmán e loitar para que a praia consiga o distintivo de Bandeira Azul no futuro

Para lograr ese distintivo, propoñen licitar un chiringuito ‘chill out’ con licencia de café concerto para música en vivo, un servizo de aluguer de parasol, un servizo de actividades acuáticas (paddle surf, pedaleta...) e un servizo de socorrista -xa existente cada verán-.