Pontevedra anuncia máis diñeiro para as luces de Nadal

Pontevedra
10 de agosto 2020

A Xunta de Goberno Local do Concello de Pontevedra puxo en marcha este luns o expediente para a contratación da instalación a iluminación do Nadal, do Entroido e das festas de verán ( Santiaguiño e A Peregrina)

Inauguración da iluminación de Nadal 2019
Inauguración da iluminación de Nadal 2019 / Cristina Saiz

A Xunta de Goberno Local do Concello de Pontevedra puxo en marcha este luns o expediente para a contratación da instalación a iluminación do Nadal, do Entroido e das festas de verán ( Santiaguiño e A Peregrina).

A portavoz do Goberno Local, Carme Da Silva comentou en rolda de prensa que "estamos a celebrar as festas da Peregrina 2020 pero xa estamos a traballar nas festas próximas" que, para estes efectos, serán as de Nadal.

Concretamente o expediente de licitación destina 140.000 euros para a iluminación deste Nadal, outro lote por 20.000 euros dedícase á iluminación do entroido e figuran 40.000 euros para as festas do verán de 2021.

Estas cantidades supoñen un incremento de 25.000 euros respecto a o previsto no pasado exercicio, pero a subida acapáraa a iluminación do Nadal que sumará 30 elementos decorativos máis que o ano pasado e reforzaranse algúns outros elementos como as bolas e as árbores.

A intención é "chegar a máis rúas a máis prazas con máis elementos decorativos" dixo Carme Da Silva pensando en que este ano, se a evolución epidemiolóxica permite ter unha celebración de Nadal adaptado á situación sanitaria na que nos atopemos, "pensamos que é importante ter a iluminación como apoio tanto ao ambiente festivo como ao comercio local e á economía local".

Por tanto haberá máis luces de Nadal pero "sen esaxerar, sen que se converta nun problema ambiental", advertiu Da Silva.