Un paso decisivo para o desenvolvemento urbano de Campolongo deuse este luns coa firma dun acordo entre o Concello de Pontevedra, a ONCE e os propietarios do polígono.
Á primeira hora da mañá selouse a autorización para a instalación dun tramo de colectores de rede de sumidoiros e pluviais en terreos destinados a viarios dentro do solo urbano non consolidado desta emblemática zona.
O alcalde Miguel Anxo Fernández Lores destacou a importancia do convenio, que permitirá urbanizar por completo o perímetro da antiga propiedade do ONCE, que abarca máis de tres hectáreas.
"Esta actuación facilitará a construción dunhas duascentas vivendas previstas e fará posible completar a urbanización con todos os servizos necesarios", explicou Lores.
Ángel Sánchez Cánovas, director xeral da ONCE, sinalou que con este proxecto "nuestra intención es resolver un problema que teníamos de vial y, sobre todo, de canalizaciones para que toda la zona, no solamente la parte de la ONCE".
Segundo anunciou as obras arrancarán este martes 21 de xullo e prevese a súa finalización para marzo de 2027.
"Es un proyecto importante, sobre todo para crear valor a toda esa zona y dar una ampliación importante a esta ciudad que de verdad está creciendo y está mejorando día tras día", subliñou.
Pola súa banda, Miguel Carballeda, presidente do Grupo Social ONCE, resaltou a vinculación histórica e afectiva da organización con Pontevedra, da que dixo que é "mi ciudad, la mejor ciudad del mundo".
Carballeda explicou que o Centro de Recursos Educativos da ONCE "es uno de los cinco centros de recursos educativos que tenemos en España y lo que hemos querido hacer siempre y volvemos a hacer ahora es mejorarlo".
A actuación urbanística contempla a creación dunha servidume gratuíta e permanente para a rede subterránea, que abarcará unha área delimitada polas rúas Alfonso X O Sabio, Pintor Rafael Alonso, Fernando I, Pintor Virxilio Branco, Rúa das Perliñas e Camiño das Abilleiras.
Como contraprestación, a ONCE abrirá unha nova rúa perimetral que facilitará o acceso tanto peonil como rodado a equipamentos como o propio Centro de Recursos Educativos, o Centro Sur, o centro de emprego da Fundación Xoán XXIII e o Instituto Torrente Ballester.
Os propietarios de Campolongo comprometéronse tamén, mediante convenio, a ceder anticipadamente 1.043 metros cadrados para a urbanización desta nova vía.
Tras formalizarse este trámite, presentaranse os proxectos correspondentes para iniciar a tramitación de licenzas municipais que permitirán executar as obras.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.