Pontevedra cede á Xunta a xestión das oposicións á Policía Local

Pontevedra
19 de febreiro 2020

Así o acordou o goberno municipal, que levará ao pleno do próximo luns a adhesión ao convenio que ofrece a administración autonómica aos concellos galegos para centralizar estes procesos selectivos e facilitar os trámites dos exames

Axentes da Policía Local de Pontevedra
Axentes da Policía Local de Pontevedra / Mónica Patxot

A partir de agora, as oposicións de acceso libre que se convoquen para reforzar o corpo da Policía Local de Pontevedra serán organizadas pola Xunta de Galicia, a través da Academia Galega de Seguridade Pública.

Así o acordou o goberno municipal, que levará ao pleno do próximo luns a adhesión ao convenio que ofrece a administración autonómica aos concellos galegos para centralizar estes procesos selectivos e facilitar os trámites dos exames.

O Concello, en todo caso, seguirá organizando os procesos de oposición que se realicen a través da vía de promoción interna.

Segundo explicou o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, esta decisión "simplifica moito" a tramitación destas oposicións, xa que o Concello limitarase a comunicar o número de prazas que se queren cubrir e a Xunta organiza todo o proceso.

A intención do Concello é que este convenio poida estar vixente xa para sacar a concurso as oito prazas que Pontevedra pretende cubrir este ano 2020.

Catro destas prazas, segundo fontes municipais, eran inicialmente de promoción interna pero, ao non cubrirse, pasarán a engrosar a oferta de acceso libre.

Ademais deste asunto, o pleno municipal que se celebrará o vindeiro luns 24 de febreiro no Teatro Principal aprobará unha declaración institucional polo Día de Rosalía e, previsiblemente, a nova ordenanza de mobilidade amable e espazos públicos.

O PP presentará tres mocións para reclamar ao Estado o pago da débeda do IVE con Galicia, para realizar melloras de accesibilidade nos parques infantís da cidade e para pedir a reforma da Rúa da Torre e da rúa Francisco Asorey; e Cidadáns reclamará bonificacións na viñeta para coches híbridos, eléctricos ou impulsados por biogás.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora