Pontevedra conmemora o Día Mundial da Diabetes cunha chea de actividades

Pontevedra
10 de novembro 2019

Co gallo do 14 de novembro, Día Mundial da Diabetes, a cidade de Pontevedra acollerá una ampla programación de actividades impulsada pola asociación Anedia coa colaboración do Concello de Pontevedra

V Milla solidaria Anedia, que a diabetes non te pare Diego Torrado

Co gallo do 14 de novembro, Día Mundial da Diabetes, a cidade de Pontevedra acollerá una ampla programación de actividades impulsada pola asociación Anedia coa colaboración do Concello de Pontevedra.

Os actos comezarán na véspera, o día 13, coa pancarta que quedará despregada no balcón da Casa Consistorial; cunha sesión de contacontos a cargo de Raquel Queizás e un concerto protagonizado polo coro do IES A Xunqueira na Casa da Luz dende as 18.00 horas; e coa iluminación da fachada do Consistorio cunha luz de cor azul.

Xa o sábado día 16 terá lugar a xa clásica Milla Urbana Anedia 'Que a diabetes non te pare', unha proba solidaria que chega á súa sexta edición.

A Milla Urbana Solidaria, que o pasado ano xuntou máis de 500 deportistas, é unha proba oficial da Federación Galega de Atletismo con distancia homologada, que forma parte do seu calendario oficial de carreiras en ruta e que está controlada polo Comité Galego de Xuíces.

O percorrido desenvolverase, como en edicións anteriores, no paseo da Gran Vía de Montero Ríos, nun circuíto de 500 metros por volta con saída a altura do Pazo Provincial

O goberno municipal, a través da concellería de Desenvolvemento Sostible achegará ademais un lote de 1.000 vasos reutilizables para que os participantes na milla urbana poidan hidratarse.

Anedia é un colectivo fundado a principios de 2013 por varias nais e pais de Pontevedra e Marín, que ten a súa sede na cidade e que contempla entre os seus obxectivos reivindicar a asistencia médica especializada e multidisciplinar para todos os nenos e nenas con diabetes.

O labor da asociación, que defende os dereitos dos rapaces que padecen esta enfermidade co fin de acadar a súa plena integración escolar e social, resulta esencial á hora de proporcionar información e unha axeitada educación diabetolóxica, teórica e práctica, a socios, familiares, escolas e poboación en xeral.